Publicado o

Colección 2015 – Rosalía

Na colección 2015 de deica! Quixemos facerlle unha homenaxe a nosa admirada artista. Rosalía merecía un retrato que fixera xustiza á muller vital, intelixente, valente e loitadora que percibimos nas súas obras.

Sempre se nos presenta a Rosalía como unha muller melancólica, chea de morriña e de saudade, que sufriu a discriminación de ser á vez muller e galega. Pero nos non atopamos nin rastro de victimismo nin da melancolía que intencionadamente se lle atribúe e si moito de forte personalidade e profunda sensibilidade, de vigor e rebeldía, de entusiasmo por unha terra, por unha natureza, por unha forma de vivir… Moito de retranca e de ironía, moito de denuncia explícita das inxustizas. Ela mestura con naturalidade a tradición e a vangarda nas súas obras e o seu pensamento segue hoxe a ser adiantado. Rosalía é un espello no que mirarse como galegas, e recoñecerse diversas e fermosas, fortes, intelixentes, alegres e loitadoras.

Por iso, e lonxe das iconografías frías e masculinizadas, que a presentan máis coma icona inmóbil de pedra, queríamos retratar a unha Rosalía viva coa que poder seguir a dialogar hoxe arredor das luces e sombras do pensamento, arredor do xénero, da identidade, da cultura, da política, da vida…

deica creacions 2015 rosalía 2

Publicado o

Lanzamento nova colección 2015

deica! Crece con cada nova colección. Temos o pracer de presentar as novas ilustracións que nos acompañarán a partir de agora, sumándose as anteriores e formando parte da familia de deica!

colección 2015 deica

Nas seguintes entradas falaremos máis sobre cada unha. Desta vez están deseñadas a partir de varias temáticas:

-As mulleres loitadoras e traballadoras, como son a nosa querida Rosalía e a tódalas mulleres que saen adiante no día a día como Labrega e Mariscadora.

-A música, que non podía faltar na nova colección de deica! para amliar a nosa banda sonora con novas incorporacións como Sachadeira e Tamborileira.

-E a natureza, algo central na nosa identidade, con unha influencia transcendental no noso carácter e na nosa filosofía. Con Toxo, Carballeira e lique teremos o pracer de levala sempre con nos.